Mensaxe de benvida
Como xerente da Área Sanitaria de Vigo, quero darlles a benvida a este espazo web, un portal a través do cal poderá coñecernos mellor e no que atopará información útil e sinxela sobre a organización e funcionamento da sanidade pública na nosa área sanitaria.A pandemia da Covid-19 ten xerado unha gran demanda de información. Por eso, hoxe en día, máis que nunca, é necesario que a cidadanía teña acceso a unha información contrastada a través das canles de comunicación oficiais, que lle permita formarse unha opinión con criterio, baseada nos datos e documentación proporcionados polas autoridades sanitarias.Nesta páxina web ofrecemos información sobre a nosa estrutura, dotación, recursos e actividade, nos ámbitos asistencial, investigador, docente e innovador. Así mesmo, poderá acceder a través dos enlaces propostos a outros espazos virtuais da sanidade pública galega.Agardamos que a súa visita ao noso portal teña sido do seu agrado.
Francisco Javier Puente PrietoXerente da Área Sanitaria de Vigo
Área Sanitaria de Vigo
O Diario Oficial de Galicia publicou o 25 de outubro de 2019 o decreto 134/2019, de 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia.Nel, reflíctese unha nova organización funcional coordinada entre a asistencia primaria e a hospitalaria, para atender con eficacia ás persoas usuarias da sanidade pública, baixo os principios de optimización de recursos, a eficacia na xestión e a consecución da máxima coordinación. Nesta nova organización, a atención primaria desempeña un papel clave.
Plan Estratéxico da Área Sanitaria de Vigo
O Plan Estratéxico é a folla de ruta a seguir nos próximos anos.Converterá a área sanitaria viguesa na máis moderna e estruturada organizativamente de España. Máis de 360 profesionais participaron na elaboración do documento “Estratexia 21” da área sanitaria viguesa. O resultado final consta de oito liñas estratéxicas consensuadas que se desenvolven en 64 obxectivos dos que xorden 300 guías de actuación. Os pacientes están no centro de todo o proceso e a Atención Primaria xoga un papel nuclear. É o primeiro Plan Estratéxico integral dunha área sanitaria que se realiza en Galicia.