h1

 

Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia (DOG núm. 143, de 24 de xullo de 2008)

Dereitos sanitarios

Artigo 5º.-Dereitos sanitarios.

Os titulares do dereito á protección da saúde e á asistencia sanitaria gozarán dos dereitos sanitarios que se recollen neste capítulo, sen prexuízo da aplicación e do recoñecemento dos definidos na Lei 14/1986, xeral de sanidade, así como noutras leis sanitarias de ámbito estatal que sexan aplicables.

Artigo 6º.-Dereitos relacionados coa integridade e a intimidade da persoa.

Serán dereitos sanitarios relacionados coa integridade e a intimidade da persoa os seguintes:

  1. Dereito á integridade física e psíquica.
  2. Dereito ao máximo respecto posible da intimidade da persoa, en todos os centros, servizos e establecementos sometidos a esta lei, na prestación de actividades sanitarias tales como exploracións, coidados ou actividades de hixiene.
  3. Dereito a que se reduza a presenza de profesionais, estudantes e investigadores, ou doutros usuarios, que non colaboren directamente na realización de tales atencións, cando así sexa expresamente solicitado.
  4. Dereito a non ser gravada mediante fotografías, vídeos ou outros medios que permitan a súa identificación como destinataria de servizos sanitarios, a non ser que a persoa afectada, logo de lle seren explicados claramente os motivos da súa realización e o ámbito de difusión, preste autorización expresa para iso.

Artigo 7º.-Dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente.

Serán dereitos relacionados co acompañamento do ou da paciente os seguintes:

  1. Dereito a ser acompañado ou acompañada, polo menos, por unha persoa que manteña vínculos familiares ou de feito co ou coa paciente ou por unha persoa da súa confianza.
  2. Dereito de toda muller a que se lle facilite o acceso ao proceso do parto a aquela persoa designada por ela para tal efecto.
  3. Dereito das persoas menores a estaren acompañadas polos seus pais, titores ou gardadores.
  4. Dereito das persoas incapacitadas a estaren acompañadas polos responsables legais da súa garda e protección.
  5. Os dereitos anteriormente citados limitaranse, e mesmo exceptuaranse, nos casos nos que esas presenzas sexan desaconselladas ou incompatibles coa prestación sanitaria conforme criterios clínicos. En todo caso, esas circunstancias seranlles explicadas aos afectados e ás afectadas de xeito comprensible.

Artigo 8º.-Dereitos relacionados coa autonomía de decisión.

Serán dereitos relacionados coa autonomía de decisión os seguintes:

  1. Dereito a que se solicite consentimento informado nos termos establecidos na Lei 3/2001, do 28 de maio, e na Lei 3/2005, do 7 de marzo, de modificación da anterior. Entenderase por consentimento informado o prestado libre e voluntariamente pola persoa afectada para toda actuación no ámbito da súa saúde e así que, logo de recibir a información axeitada, valorase as opcións propias do caso. O consentimento será verbal, por regra xeral, e prestarase por escrito nos casos de intervencións cirúrxicas, procedementos diagnósticos e terapéuticos invasores e, en xeral, na aplicación de procedementos que supoñan riscos ou inconvenientes de notoria e previsible repercusión negativa sobre a saúde do ou da paciente.
  2. Dereito á libre elección entre as opcións que lle presente o responsable médico do seu caso e a rexeitar o tratamento, agás nos casos sinalados nesta ou noutras leis, e para iso deberá solicitar e asinar a alta voluntaria. De non o facer así, corresponderalle darlle a alta á dirección do centro. Todo isto sen prexuízo de que o ou a paciente poida recibir outros tratamentos alternativos, curativos ou paliativos e sanitarios.
  3. Dereito a outorgar o consentimento por substitución e a manifestar as súas instrucións previas ao abeiro do establecido na Lei 3/2001, do 28 de maio, e na Lei 3/2005, do 7 de marzo, de modificación da anterior, e nas disposicións concordantes.
  4. Dereito a elixir médico xeral e pediatra de entre os que presten os seus servizos na zona sanitaria do seu lugar de residencia de conformidade coas normas regulamentarias que resulten aplicables.
  5. Dereito a unha segunda opinión médica co obxectivo de fortalecer a relación médico- paciente e de complementar as posibilidades da atención sanitaria.
  6. Dereito a dispor dos tecidos e das mostras biolóxicas que proveñen de biopsias ou extraccións no seu proceso asistencial, coa finalidade de acadar unha segunda opinión médica e garantir a continuidade asistencial.
  7. Dereito a rexeitar aquelas accións preventivas que se propoñan, para situacións que non impliquen riscos a terceiros, sen prexuízo do disposto na normativa sanitaria aplicable.
  8. Dereito a rexeitar a participación en procedementos experimentais como alternativa terapéutica para o seu proceso asistencial.
  9. Dereito a rexeitar o uso ou a conservación, fóra do seu proceso asistencial, dos seus tecidos e mostras biolóxicas que proveñan de biopsias, extraccións ou nacementos e, polo tanto, dereito a que se proceda á súa eliminación como residuo sanitario.

Artigo 9º.-Dereitos relacionados coa confidencialidade e a información.

  1. O dereito á confidencialidade concrétase en:
    1. Dereito á confidencialidade sobre o seu estado de saúde, dos seus datos referidos a crenzas, relixión, ideoloxía, vida sexual, orixe racial ou étnica, malos tratos e outros datos especialmente protexidos. En todo caso, o grao de confidencialidade, entendido como a identificación do destinatario e o contido da información que se pode subministrar, será decidido polo ou pola paciente, agás nos casos nos que legalmente se prevexa o deber de información.
    2. Dereito á confidencialidade da información do seu xenoma e a que este non poida ser utilizado para ningunha forma de discriminación. Os datos persoais aos que se refire esta alínea 1 someteranse ao réxime de protección establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
  2. O dereito á información no seu proceso asistencial concrétase en:
    1. Dereito a coñecer, con motivo de calquera actuación no ámbito da súa saúde, toda a información dispoñible sobre esta, agás nos supostos exceptuados pola lei. A información, como regra xeral, proporcionarase verbalmente, da que se deixará constancia na historia clínica, e comprenderá, como mínimo, a finalidade e a natureza de cada intervención, os seus riscos e as súas consecuencias. A información clínica será verdadeira e comunicaráselle ao ou á paciente de forma comprensible e adecuada ás súas necesidades como axuda para tomar decisións de acordo coa súa propia e libre vontade.
    2. Dereito a renunciar a recibir información.
    3. Dereito a ser informado ou informada e advertido ou advertida de se os procedementos de prognóstico, diagnóstico e terapéuticos aplicados van ser empregados nun proxecto docente ou de investigación, o que non poderá comportar en ningún caso perigo adicional para a súa saúde. En todo caso, será imprescindible o consentimento previo por escrito do ou da paciente e a aceptación por parte do profesional sanitario e da dirección do correspondente centro sanitario.
    4. Dereito a solicitar e a obter información comprensible e axeitada sobre o custo das prestacións e dos servizos de saúde recibidos.
    5. Dereito a coñecer os requisitos de uso das prestacións e dos servizos de saúde en relación co seu proceso asistencial.
  3. O dereito á información sobre os seus dereitos, deberes, servizos e programas do Sistema Público de Saúde de Galicia concrétase en:
    1. Dereito a ser informado ou informada dos plans, dos programas e das accións que se están a desenvolver no Sistema Público de Saúde de Galicia, de forma comprensible e mediante as mellores canles.
    2. Dereito a dispor en todos os centros, servizos e establecementos sanitarios do sistema público dunha carta de dereitos e deberes e mais a que esta sexa facilitada como marco de relación entre o centro sanitario e os seus usuarios e usuarias.
    3. Dereito a coñecer a carteira de servizos como marco de compromiso entre o centro sanitario e os seus usuarios e usuarias.
  4. Dereito a ser informado ou informada pola autoridade sanitaria dos problemas de saúde que o afecten e sobre os riscos sanitarios para a súa saúde, mediante información difundida en termos comprensibles, veraces e axeitados.
  5. Dereito a recibir información epidemiolóxica ante un risco grave e probado para a saúde pública.
  6. Dereito á utilización de novas tecnoloxías da información e a comunicación para potenciar a interacción electrónica entre a cidadanía e o Sistema Público de Saúde.
  7. Para garantir a confidencialidade dos datos relativos ao ou á paciente, regularase mediante unha norma legal o persoal que poida acceder aos datos do ou da paciente.
  8. Para garantir a mellor información sobre a historia clínica do ou da paciente, tendo en conta as novas tecnoloxías, os datos desta estarán dispoñibles en tres idiomas (galego, castelán e inglés), facendo para iso as adaptacións técnicas necesarias.

Artigo 10º.-Dereitos relacionados coa documentación sanitaria.

Son dereitos relacionados coa documentación sanitaria:

  1. Dereito do ou da paciente a que quede constancia por escrito ou en soporte técnico adecuado de todo o seu proceso e a que ao rematar o episodio asistencial se lle entregue o informe de alta hospitalaria, de interconsulta de atención especializada e de urxencias.
  2. Dereito a acceder á súa historia clínica e a obter os informes e os resultados das exploracións que sobre o seu estado de saúde ou enfermidade se inclúan nela, así como unha copia dos devanditos documentos, de acordo co establecido na Lei 3/2001, do 28 de maio, do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes, e nas disposicións concordantes.
  3. Dereito a que se lle faciliten os informes ou as certificacións acreditativas do seu estado de saúde. Estes serán gratuítos, cando así o estableza unha disposición legal ou regulamentaria.

Artigo 11º.-Dereitos relacionados coas suxestións e as reclamacións.

Son dereitos relacionados coas suxestións e as reclamacións:

  1. Dereito a empregar os procedementos áxiles e efectivos de suxestións e reclamacións, así como a recibir resposta por escrito nos prazos establecidos regulamentariamente.
  2. Dereito ao libre acceso ao vicevaledor ou á vicevaladora do paciente.
  3. Desenvolveranse as medidas necesarias para que todos os centros, servizos e establecementos sanitarios e sociosanitarios teñan permanentemente á disposición dos usuarios e das usuarias formularios de suxestións e reclamacións, asemade estarán habilitadas canles na web institucional.

Artigo 12º.-Dereitos relacionados coa prestación de servizos sanitarios por parte do Sistema Público de Saúde de Galicia. (Desenvolvidos na Ley 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias)

Son dereitos relacionados coa prestación de servizos sanitarios:

  1. Dereito á humanización da asistencia sanitaria evidenciada na calidade humana da prestación dos servizos sanitarios e mais á incorporación dos adiantos científicos a esta, que deberá ser axeitada aos valores, ás crenzas e ás culturas da cidadanía.
  2. Dereito a obter unha garantía de demoras máximas, de xeito que determinadas prestacións sanitarias financiadas publicamente lles sexan dispensadas nuns prazos previamente definidos e coñecidos.
  3. Dereito a obter os medicamentos e os produtos sanitarios que se consideren necesarios para promover, conservar ou restablecer a súa saúde.
  4. Dereito á utilización das vantaxes das novas tecnoloxías xenómicas dentro do marco legal vixente.
  5. Dereito á asignación de persoal facultativo, que será o seu interlocutor principal co equipo asistencial, e, de ser o caso, do persoal de enfermaría responsable do seguimento e do plan de coidados. No caso de ausencia, as persoas substitutas asumirán tal responsabilidade.
  6. Dereito á educación sanitaria e á información axeitada que propicien a adopción de hábitos e estilos de vida saudables.
  7. Dereito a medidas de protección da saúde fronte a riscos ambientais e laborais, xerais ou específicos.
  8. Dereito a medidas de prevención da enfermidade de probada efectividade e seguridade.
  9. Dereito á continuidade asistencial, á coordinación e á integración das funcións asistenciais da atención primaria e especializada.
  10. Dereito a coñecer e identificar, de forma rápida e clara, o persoal que lle presta asistencia sanitaria. Para a eficacia deste dereito, o persoal que preste a devandita asistencia levará sempre visible a súa tarxeta identificativa.
  11. Dereito das mulleres nos períodos de embarazo, lactación e menopausa a disporen de programas específicos.
  12. Dereito das mulleres que sofren ou sufrisen violencia de xénero á atención sanitaria, incluído o dereito á asistencia psicolóxica gratuíta e ao seguimento da evolución do seu estado de saúde, ata o seu total restablecemento. Tratarase, en todo caso, de servizos gratuítos e accesibles con carácter prioritario, que garantan a privacidade e a intimidade das mulleres.
  13. Dereito das mulleres á interrupción voluntaria do embarazo, en todos os supostos previstos pola normativa vixente aplicable.
  14. Dereito a que os servizos e as actividades sanitarias ou asistenciais que o Sistema Público de Saúde de Galicia contrate co sector privado de asistencia sanitaria se axusten aos mesmos parámetros, estándares, dereitos ou criterios de actuación exixibles para os do propio Sistema Público de Saúde de Galicia.

Artigo 13º.-Dereitos relacionados coa participación.

A cidadanía da Comunidade Autónoma de Galicia terá dereito a participar, nos termos establecidos nesta lei, na xestión do Sistema Público de Saúde de Galicia, a través dos órganos de participación comunitaria.

Artigo 14º.-Dereitos relacionados con grupos especiais.

  1. As persoas menores, as maiores dependentes, as enfermas mentais e terminais, as doentes que padecen enfermidades crónicas e discapacitantes, os e as pacientes diagnosticados de enfermidades raras ou de baixa incidencia na poboación e as persoas pertencentes a grupos de risco, en tanto que colectivos que deben ser obxecto de especial atención polas administracións sanitarias competentes, teñen dereito a actuacións e/ou programas sanitarios específicos e preferentes, que se executarán a través dos centros, servizos e establecementos do Sistema Público de Saúde de Galicia.
  2. As persoas enfermas mentais, ademais dos dereitos sinalados nas alíneas anteriores, gozan dos seguintes dereitos:
    1. Nos ingresos voluntarios, se desaparecese a plenitude de facultades durante o internamento, a que a dirección do centro solicite a correspondente ratificación xudicial para a súa continuación, nos termos establecidos no artigo 763 da Lei de axuizamento civil.
    2. Nos ingresos forzosos, o dereito a que se reexamine periodicamente a necesidade do internamento, nos termos do precepto ao que se refire a alínea anterior.
    3. As persoas enfermas mentais menores de idade teñen dereito ao internamento en centros ou unidades de saúde mental infanto-xuvenil.
  3. Ás persoas enfermas terminais, ademais dos dereitos sinalados na alínea 1, recoñécenselles os seguintes dereitos:
    1. Ao rexeitamento de tratamentos de soporte vital que prolonguen sen necesidade o seu sufrimento.
    2. Ao axeitado tratamento da dor e aos coidados paliativos.
    3. Á posibilidade de decidir a presenza de persoas coas que manteña vínculos familiares ou de feito nos procesos que requiran hospitalización.
  4. As persoas menores e as dependentes que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero terán dereito á asistencia psicolóxica gratuíta, que comprenderá medidas de apoio psicosocial específicas e adaptadas ás súas características e necesidades.
  5. Ás persoas con discapacidade seralles aplicable o previsto no artigo 25, alíneas b), c), d) e f), da Convención de dereitos das persoas con discapacidade, ratificada por España o 30 de marzo de 2007.
  6. Accesibilidade universal. De acordo co previsto na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non-discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, así como no artigo 9 da Convención da Organización das Nacións Unidas-ONU, garántese o acceso das persoas con discapacidade, en igualdade de condicións coas demais, ás instalacións e aos servizos sanitarios, consonte os principios de normalización, accesibilidade universal, deseño para todos e transversalidade.

Artigo 15º.-Deberes sanitarios.

A cidadanía, en relación coas institucións e cos organismos do Sistema Público de Saúde de Galicia, ten os seguintes deberes e obrigas individuais:

  1. Cumprir as prescricións xerais de natureza sanitaria comúns a toda a poboación, así como as específicas determinadas polos servizos sanitarios.
  2. Manter o debido respecto ao persoal que presta os seus servizos no ámbito do sistema público.
  3. Coidar as instalacións e colaborar no mantemento da habitabilidade das institucións sanitarias.
  4. Usar axeitadamente os recursos, os servizos e as prestacións ofrecidas polo sistema sanitario.
  5. Manter a debida observancia das normas establecidas en cada centro.
  6. Asinar os documentos de alta voluntaria cando non desexe a continuidade do tratamento que se lle dispensa. Porén, o feito de non a aceptar non determinará a alta inmediata cando existan outros tratamentos alternativos, curativos ou paliativos e o ou a paciente desexe recibilos. Neste último caso, tal situación deberá quedar debidamente documentada despois da información correspondente.
  7. Cooperar coas autoridades sanitarias na protección da saúde e na prevención das enfermidades.
  8. Facilitar información veraz dos datos de filiación, identificación e do estado de saúde que sexan necesarios no seu proceso asistencial ou sexan solicitados por razóns de interese xeral debidamente motivadas.
  9. Aceptar a alta cando rematase o seu proceso asistencial, cando se comprobase que a situación clínica do ou da paciente non melloraría prolongando a súa estadía ou cando a complexidade do proceso aconselle o seu traslado a un centro de referencia.
  10. Cumprir as normas e os procedementos de uso e acceso aos dereitos que se lle outorguen a través desta lei.
  11. Comunicarlle ao sistema sanitario, coa maior brevidade posible, a non utilización por calquera causa dun servizo programado previamente.
  12. Tamén estarán suxeitos aos deberes establecidos nas alíneas 1, 2, 3, 4, 5, 7 e 10 as persoas familiares ou acompañantes dos usuarios e das usuarias do sistema sanitario.

Documentos relacionados Documentos relacionados